04/06/14

Deixémonos de dindirindainas ( V )

A pasada semana, en sesións de venres e sábado, representouse a montaxe "Deixémonos de dindirindainas" que xa vai pola súa 5ª edición.
Este ano por primeira vez , asistiu o alumnado de 5º e 6º de E. Primaria que riron como o que máis na representación.
O sábado, aínda que existían outras actividades nas que participaba o centro escolar, non tivemos queixa co público asistente pois o día non animaba nada a meterse nun lugar pechado; aínda así cremos que lles fixemos pasar uns momentos divertidos.
Hai un dito en castelán que informa ( adaptado por nós) que "nunca es tarde si la pizza es buena". Nesta ocasión a pizza era unha catro estacións exquisita. 
Só queda agradecer a Lidia ArgereyMaría SilveraLuís Varela e Estela Villarabide a súa dedicación e interese pola actividade.

24/05/14

Deixémonos de dindirindainas! ( V )

Este curso tivemos que ir adiando a posta en escena destes monólogos que inicialmente estaban previstos para o mes de xaneiro pero que por razóns diversas tivemos que pospoñelos a este mes de maio.
O grupo mingou, só son catro os participantes na sesión, pero non por iso rebaixamos o nivel de calidade.
Isto que aquí deixamos escrito poderedes comprobalo os próximos días 30 e 31 de maio no Centro Sociocultural friolés.
Esperamos que sexa do voso gusto a montaxe. Vémonos!
   

23/05/13

Acabouse a peseta !

Aproveitando o dito de Barriga Verde co que remataba unha das súas obras: "Morreu o demo!.Acabouse a peseta!", efectivamente hoxe o grupo de teatro deu por rematadas as súas actividades coa derradeira representación da Serpe da Cova, para o alumnado e profesorado do CPI de Guntín.
Con esta representación temos que dicir adeus definitivo a parte do alumnado que este ano participou na montaxe e que ao rematar os seus estudos académicos deixan o colexio.
Hai que lles dicir adeus polo tanto a Alex Vázquez, Omar Lourés e Óscar Fernández, de incorporación tardía ao grupo pero cunha importante achega escénica; a Silvia Cabado e Patricia Marqués, que aínda que tiveron moitas dúbidas á hora de incorporarse á actividade, pensamos levan bo recordo das montaxes nas que participaron ( cinco en total) unhas verdadeiras veteranas; e por descontado, a Laura Barreiro, Marta Fernández e Rocío García , máis veteranas aínda, pois foron das primeiras en anotarse, co que deixan o grupo con seis montaxes nas que, hai que dicilo, foron elemento fundamental de calquera das actuacións.
Sorte!, que teñades moita sorte nos vosos proxectos futuros e grazas polo voso esforzo e dedicación. Xa sabedes onde estamos.

19/05/13

En San Paio o 18 de maio

Onte en San Paio representamos para o mundo adulto a obra. Saíu de marabilla e todos quedamos contentos coa actuación. Aquí deixamos unhas imaxes da mesma

14/05/13

Estreamos "A serpe da cova"

Hoxe por fin chegou o día da estrea da montaxe "A serpe da cova". Aínda que se notaban os nervios --recoñecidos ou non-- de toda estrea, a cousa saiu mellor do esperado.
Certo que houbo algún erro e algún despiste, pero en xeral, o resultado final foi exitoso.
Seguro que nas próximas sesións, a tensión interpretativa fará acadar uns mellores resultados.
Hai que dicir que este ano tivemos moitas novas incorporacións e está claro que non teñen a experiencia dunha Marta Fernández, por poñer só un dos varios exemplos posibles.
De todas formas as cousas pintan ben polo que só queda felicitar aos actores e actrices, e como corresponde facémolo en voz ben alta.
  

11/02/13

Con destino a maio

Pechado o prazo de inscricións para a obra de maio, xa nos poñemos mans á obra-- e nunca mellor dito--. Este venres día 15 empezamos cos ensaios da nova montaxe.
Recuperamos á serpe e adaptamos a primeira obra que representou o grupo. E cando falamos de adaptación, falamos de que mantendo a estrutura inicial da obra, engadimos novos personaxes e novas situacións.
Para esta representación temos apuntados 15 alumnos e alumnas  que significan unha cifra "récord" no grupo e ademais cunha importante presenza masculina ( 6 rapaces).
Queda un longo e atractivo traballo que esperamos acade os resultados que todos desexamos.

A ilustración correspóndese coa representación, en xuño de 2009, da Serpe da Cova no Museo Provincial de Lugo na revista oral "O Pazo das Musas" ao que fomos convidados.